MODELOS DE EXAME

OPCIÓN 1

Non é segredo ningún que eu son un ciberactivista monotemático entregado á causa das redes sociais, da internet, do virtual, entendido sempre como unha posibilidade de comunicación practicamente inesgotable. Como digo sempre, grazas a que existe Internet, o galego, silenciado sen disimulos polos medios de comunicación tradicionais, é quen de ter máis presenza, e xa entrando en cuestións aínda máis importantes, a Rede permítenos espallar aquelas informacións, opinións e pensamentos que ao poder desagradan e que, ceibes polas autoestradas da fibra óptica ou das redes wifi, rematan chegando onde deben chegar: á conciencia e ao corazón dos que queren saber.

Sen embargo, en ocasións éntranme dúbidas razoables arredor do que veño de escribir no parágrafo anterior, pois non é a primeira vez nin será a derradeira, na que constato que o comportamento de moita xente na Internet é máis ou menos semellante ao que manteñen fóra da mesma. E que en troques de aproveitar que nos miles de millóns de páxinas o que hai é miles de millóns de fiestras polas que ver diferente, o que fan é consumir a mesma morralla que, sobre todo, a televisión ofrece. Así, non hai día no que non sexa TT en twitter algún asunto relacionado con calquera reallity ou que non apareza o nome dalgún futbolista ou famosiña da prensa de cores cardíaca como o Asunto Fundamental do que todo o mundo está a falar.

Todo isto ven a conta do informe anual de Google, o popular buscador, que nos deprime ao sinalar que entre os termos máis buscados no ano 2012 no estado español están Mitele(vedes?), Gran Hermano 12+1 (vedes?), Apalabrados (un xogo para móbiles, vedes?), e outros asuntos transcendentes polo estilo. Das persoas máis buscadas, moita tía boa da tele, tamén.

Internet é unha fiestra, si, á liberdade. Mais tamén ao patio veciñal, ao lercheo e á rexouba da peor calidade. Igual por iso non damos espabilado, a pesar de termos a ferramenta, ou unha delas, perfecta.

Francisco Castro; Sermos Galiiza; 29-12-2012

CUESTIÓNS:

 

  1. Ponlle un título ao texto. (1 PUNTO)
  2. Explica o significado das formas que aparecen en negra no texto. (1 PUNTO)
  3. Dá a túa opinión persoal sobre a seguinte expresión do texto: Internet é unha fiestra, si, á liberdade. Mais tamén ao patio veciñal, ao lercheo e á rexouba da peor calidade. (3 PUNTOS)
  4. Analiza as formas verbais (persoa, tempo e modo) subliñadas do texto e segméntaas nos seus contituíntes. (1 PUNTO)
  5. Localiza os pronomes átonos que aparezan no texto e explica a súa colocación. (1 PUNTO)
  6. A situación da lingua galega de 1900 a 1936. (1 PUNTO)
  7. A literatura galega no século XIX (2 PUNTOS)

 

OPCIÓN 2

Máis o autor advirte, sobre todo, dos perigos do cientifismo, que se constitúe como unha ideoloxía totalitaria, que todo o explica e da que todo depende. Ven concluír de xeito contundente: “a perversión da visión científica do mundo pode, facendo dela a única posibilidade de acceso ao real, chegar a amosar a Ciencia como único referente, facilitando un autoritarismo científico disperso e universal que, en unión do mercado, da lugar a un monstro quimérico cunha grande capacidade de xerar inxustiza, alienación e morte”. Tamén asevera que “o mito científico atopa fácil acollida nun mundo fascinado polos avances tecnolóxicos que fan as nosas vidas cada día máis fáciles e á vez máis alienadas”. A xente cre que a ciencia pode dar resposta a todo; agarda impaciente avances e terapias que eviten da enfermidade, da dor e a morte. Mesmo algúns científicos chegan a crerse onmnipotentes, e tentan xogar a ser deuses. (É aínda máis: na política e na economía adóptanse decisións –con maior ou menor grado de arbitrariedade- tentando que aparezan abaladas por razóns científicas).

Estas veñen ser as advertencias deste home de ciencia que, con todo, non é pesimista: “A esperanza de vida, polo menos no primeiro mundo, aumentou considerablemente durante o século XX e nesto tiveron un papel esencial os descubrementos científicos traducidos en mellores diagnósticos, tratamentos e hixiene. É innegable que a aplicación do coñecemento científico mellorou a vida de moitas persoas”. E así deberá seguir sendo no futuro. Pero cómpre coñecer os riscos para tentar evitalos.

Fragmento da Entrevista a Juli Zeh autora de El autoritarismo científico, en Galicia Confidencial.

 

CUESTIÓNS

 1.       Resume brevemente o contido do texto e indica cal é o seu tema. [1 punto]

2.       Explica brevemente o significa da seguinte afirmación do texto: “É innegable que a aplicación do coñecemento científico mellorou a vida de moitas persoas”. [1 punto]
3.       Dá a túa opinión persoal sobre o seguinte fragmento do texto “o mito científico atopa fácil acollida nun mundo fascinado polos avances tecnolóxicos que fan as nosas vidas cada día máis fáciles e á vez máis alienadas” [3 puntos]
4.       Localiza e clasifica as perifrases verbais que aparecen no texto. [1 punto]
5.       Conxuga o resto das persoas da forma verbal advirte.  E pon tres exemplos de verbos  que cumpran as mesmas características. [1 punto]
6.       O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística. [1 punto]
7.       A literatura galega nos Século Escuros. [2 puntos]

 

 

Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed.